O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) aprobou a concesión de 100 bolsas de axudas do programa RE-ACCIONA para a realización...

Programa Re-Acciona do IGAPE: 100 bolsas de formación dirixidas a titulados/as para proxectos de mellora nas PEMES




O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) aprobou a concesión de 100 bolsas de axudas do programa RE-ACCIONA para a realización de formación e prácticas en proxectos de mellora nas pemes galegas.

A finalidade destas bolsas é formar a titulados/as universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa.


Áreas/Titulacións


Establécense 9 titulacións universitarias de acceso para participar na selección destas bolsas:

- Física.
- Enxeñaría.
- Matemáticas.
- Química.
- Administración e Dirección de Empresas.
- Economía.
- Dereito.
- Bioloxía/Biotecnoloxía.
- Farmacia.

A titulación deberá terse obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2009.


Requisitos dos/as solicitantes


Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados/as que cumpran os seguintes requisitos:

1. Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
3. Estar en posesión dalgunha das titulacións universitarias de acceso.
4. Non ter gozado con anterioridade ningunha outra bolsa do IGAPE.
5. Non ter gozado doutra bolsa concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
6. Non ter desempeñado con anterioridade ningún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria.
7. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.
8. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.


Desenvolvemento do programa


A duración inicial do programa é dun máximo de 12 meses, contados desde a asignación do bolseiro/a ao seu destino, podendo ser prorrogada por un período máximo de ata catro meses adicionais.

Os titulados/as incorporaranse a un itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa (40 horas en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico das PEMES) e prácticas formativas (12 meses) baixo a tutela de axentes colaboradores do IGAPE en proxectos de mellora de pequenas e medianas empresas, apoio ao emprendedor/a ou proxectos colaborativos de asociacións ou clusters empresariais, período no que recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.


Contía das bolsas


Cada bolseiro/a percibirá unha remuneración de 10.800 €, que se corresponden con 900 € brutos mensuais.
As bolsas teñen posibilidade de ampliarse cunha prórroga polo que a dotación económica se incrementará de xeito proporcional.


Prazo para solicitar as bolsas


O prazo para solicitar as bolsas é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (16.06.2016).


Máis información


BASES E CONVOCATORIA: Resolución do 3 de xuño de 2016 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de bolsas formativas para realizar proxectos de mellora das pemes galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva. (DOG nº 114, 16.06.2016).
CONSULTAS E DÚBIDAS: En calquera oficina do IGAPE ou a través dos teléfonos 900 815 151 / 981 541 147 e a través do enderezo electrónico informa@igape.es

O Último